Investigadores do grupo Encomat e do grupo e-Materiais da Universidade de Vigo levan varios meses traballando de maneira conxunta para buscar o xeito de incrementar a vida útil de estruturas de formigón reforzadas con aceiros de memoria de forma. A súa proposta é a aplicación de películas intelixentes autorreparadoras ou smart coatings, cuxa viavilidade están a estudar no marco do proxecto SmartCoDur, seleccionado dentro do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación (2021-2023).
O proxecto botou a andar no mes de setembro e conta cun orzamento de 172.500€ para desenvolvelo ata agosto de 2027. Os dous investigadores principais son Carmen Pérez Pérez e Antonio Collazo Fernández, do grupo Encomat e do Cintecx, e xunto con eles están involucrados no proxecto Raúl Figueroa Martínez, Beatriz Guitián Saco e David Álvarez González, do grupo e-Materiais, ademais de colaboradores da Universidade de Aveiro ou da Asociación Galega de Corrosión e Protección.